A entrada provisional vai quedar en definitiva polo momento; seguro que terei máis dunha ocasión en volver falar deste trío-cuarteto, que sí, efectivamente, son os compoñentes de Bonovo e que acaban de sacar un bonito disco.
Levo días querendo facer unha entrada; sei o que é pasar por un blog e ver que segue esa última composición durante días, meses... e ti que querías desconectar un anaco do traballo pasas polo blog e eu non dou chicha para entreter os segundos que te permites de vez en cando. E logo que se sumen novos lectores... e ti promentendolles telo actualizado e nada, que non me xurden ideas...
Ideas teño, pero teño que elaboralas, traballalas.... facelas entendibles pola comunidade cibernética o que me supón concentración, dedicación e nestes momentos píllame un pouco a desmán.
Co que estes días ando con este debate sobre que entrada facer... máis esta tarde, hoxe, que estou tirada na cama sen poder traballar nin ir á praia porque tiven un corte de dixestión (ei Rita!, fíxenche caso. Logo vos conto); pero deixoume cun pouquiño de enerxía para poder escribir estas cousiñas e recibir visitas.
Sí, visitas. Viñeron verme Rita e Mariola (novamente apareces) e xusto lles comentei o meu debate sobre o blog. Rita suxeriume que contara o que me pasara hoxe, o do corte de dixestión e a descoñecida causa do mesmo, ou das gaivotas símbolo do pepé e que hoxe tiveron que rescatar a unha cría do patio interior (para as que coñecedes a miña casa: interior do interior, claro). O caso é que marcharon coa miña promesa que ía recostar a pensar na composición a facer.
Na visita á cociña estaba a chave: nin Cristina Peri Rossi nin Ousmane Sembène nin Paula Carballeira (sabedes que son dada a poñer textos doutras): enriba da mesa, perfectamente preparada, entre pirámides de poboación de colombianos que chegan a Galicia no 2006 a RECEITA DE NATILLAS da miña tía. Aí vai:

1º) 6 xemas de ovo, ben separadas da clara (as próximas vounas facer co dobre que teño invitados moi larpeiros)
2º) por cada xema, 1 pocillo de leite dos pequeneiros.
3º) 3 culleradas rasas de sucre
Revolve a pouco lume, sempre remexendo. Para quecer o leite, pódeslle poñer un pouco máis de lume, pero logo báixamolo porque fanse a lume lento; sempre remexendo ata que empezan a espesar aos 10-15 min.
Compróbase sacando a culler e a veces se ves que empeza a "coller cousas brancas" é porque se corta e temos que apagar o lume. E se fai grumos pasámolas por un coador.
Déixanse enfriar e cando estean listas tapámolas (con eses prásticos transparentes) e metémolas na nevera.
Xa me contaredes!










